O Club Mat's de Marín organizou a pasada fin de semana o campionato galego absoluto de taekwondo, no que se proclamou campión tanto en categoría masculina como feminina.
Ao máis alto do podio instalado no pavillón da Raña subíronse Silvia Otero, Arlet Ortiz, Damián Garrido e Sergio Troitiño, mentres que a prata lográrona Yadira Raimúndez, Inés González e Adrián Quintela. O taekwondista máis laureado do equipo marinense, Iván García, tivo que conformarse esta vez cun bronce.
Desde o club poñen de relevancia a calidade de todos os participantes, pero destacan principalmente o rendemento de tres deportistas locais como Carlos Novo, que debutou nun campionato absoluto; Silvia Otero que completou un campionato extraordinario; e Sergio Troitiño, dominador en todos os seus combates nunha categoría de peso superior á súa.
A nota negativa púxoa Iván García, que tivo que retirarse de forma prematura por unhas molestias. Aínda así, foi capaz de facerse co bronce.
A xornada concluíu coa tradicional entrega de medallas, que estivo precedida polo merecido recoñecemento a tres dos deportistas máis destacados do equipo marinense como son Sergio Troitiño, Arlet Ortiz e Iván García.
MACE SPORT
Tamén brillaron con luz propia os taekwondistas do Mace Sport Sara Cortegoso e Adrián Pan para proclamarse campións autonómicos no seu peso e conseguir o paso directo ao campionato de España absoluto representando a Galicia.
Do mesmo xeito, destacaron as actuacións de Jose Abollado, Juan Manuel Palacios ou Uxía Ojea para facerse co bronce.