Iván García, disparado ata o segundo posto do ranking olímpico tras a súa prata mundialista: "É unha pasada"

Marín
22 de novembro 2022

A practicamente un ano de que se peche a clasificación olímpica, o deportista do Mat's de Marín colocouse nos postos que darían acceso directo a París 2024. A prata mundialista refórzalle ademais moralmente para o que está por vir. "Quedo co ben que o fixen, e con saber que podo chegar a esta tipo de eventos e facer as cousas para gañar", asegura

Iván García, no Centro Galego de Tecnificación Deportiva
Iván García, no Centro Galego de Tecnificación Deportiva / Mónica Patxot

Xa na casa chegado de México, onde se disputou o Campionato do Mundo de Taekwondo, Iván García empeza a ser consciente do conseguido, cunha medalla de prata que lle dispara na ranking olímpico a un ano de que peche a clasificación para París 2024.

"O Mundial é o que máis conta. Eu sumo oitenta e pico puntos, pensaba que me poñía de tres ou de catro pero ao final póñome de segundo, porque a maioría de arriba fallaron", explica desde Marín o deporista do Mat's.

Esa situación colócalle entre os cinco postos que lograrían o pase directo aos Xogos. "É o que queriamos e aí estamos xa", sinala, aínda que sabedor que o máis complicado non é chegar senón manterse neses postos de honra, de feito "en tres semanas xogámonos outros 100 puntos no segundo evento máis importante do ano, e haberá que estar aí tamén fino", explica en relación á final do Grand Prix que terá lugar en decembro en Arabia Saudita.

Precisamente facelo ben as citas do Grand Prix e no Mundial do próximo ano resultará decisivo para tentar amarrar a clasificación olímpica, todo un soño para o que traballa desde casa, con base no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

Volvendo ao Campionato do Mundo celebrado en Guadalaxara, México, Iván empeza a entender agora que "é un resultado que é outro mundo, é unha pasada", aínda que máis aló da medalla "quedo co ben que o fixen e con saber que podo chegar a esta tipo de eventos e facer as cousas para gañar".

Aínda así recoñece que queda a espiña cravada de non conseguir un ouro mundial que viu moi preto contra o mexicano Carlos Sansores. "Estaba para comerme a ese tío, e considero que se o combate chega ao terceiro round gáñolle", pero "xestiono mal o combate", asegura con autocrítica pese ao bo resultado, que chegou ademais tras superar en cuartos de final un momento moi delicado cando "o rival méteme un puño na cara e déixame seco, estiven case dous minutos tirado no chan". 

Levantouse, co espírituo de loita que lle caracteriza, para superar o que era segundo cabeza de serie do torneo (o brasileiro Maicon Siqueira) e dar todo un golpe de efecto no ranking. Queda moito, pero o marinense é consciente de que o soño olímpico está máis na súa man que nunca.