Iván Martínez logra en Zamora a primeira vitoria da tempada para o Froiz

Pontevedra
19 de marzo 2018

O ciclista do equipo pontevedrés proclamouse vencedor do Trofeo Iberdrola, co seu compañeiro Martín Lestido na segundo posición da carreira

Podio do Trofeo Iberdrola de ciclismo
Podio do Trofeo Iberdrola de ciclismo / Grupo Deportivos Supermercados Froiz

Rozárao xa en varias carreiras, pero ata o momento resistíase a primeira vitoria do Grupo Deportivo Supermercados Froiz esta tempada, e non foi ata este domingo cando a escuadra pontevedresa conseguiuno.

Foi no Trofeo Iberdrola disputado en terras zamoranas, e grazas a Iván Martínez, que culminou o gran traballo do equipo secundado por Martín Lestido, segundo na liña de meta.

Foi unha carreira, con 144 quilómetros de percorrido, marcada polo vento e con cortes frecuentes, cun amplo pelotón de case 200 corredores de 26 equipos.

O Froiz estivo atento para meter a estes dous corredores no corte bo de 10 ciclistas que se produciu a 40 de meta. Iván atacou despois a falta de 20 quilómetros e con el marcharon con el Martín Lestido e un ciclista do Kometa Polartec, que non puido reaccionar a un novo ataque do representante do Froiz a falta de 5.000 metros.

O equipo alimenticio fíxose ademais coa clasificación de sprints especiais, ao que se engade o papel de Sergio Veiga no Trofeo Astillero en Cantabria, onde se alzou coa segunda posición tras dous ciclistas do Baqué e o primeiro posto na montaña.

Un día antes, o sábado e tamén en Zamora, a escuadra pontevedresa participou no Trofeo Concello de Zamora, nunha carreira que se decidiu ao sprint nun pequeno grupo de 15 corredores con tripla representación pontevedresa pero sen fortuna na chegada masiva.