Segunda xornada do Campionato do Mundo de Piragüismo Maratón e segunda medalla para o pontevedrés Jaime Duro, erixido nun dos grandes protagonistas da competición que se está celebrando na localidade portuguesa de Ponte de Lima.
O padexeiro da Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra, que debutara o xoves na carreira absoluta de maratón curto cunha medalla de prata, proclamouse este venres campión mundial sub23 na modalidade de canoa individual C-1.
"Era a primeira vez que competía en dúas competicións de nivel mundial en dous días seguidos. Iso poñíame un pouco nervioso porque non sabía como ía estar, pero a verdade é que me levantei con moi boas sensacións, recuperei ben e fixen un regata bastante cómoda", sinalou tras a competición Duro.
O certo é que o pontevedrés dominou a proba con autoridade, completando os 22,6 quilómetros de percorrido nun tempo de 1 hora, 52 minuytos e 19 segundos, con 1:15 de vantaxe sobre o húngaro Sebestyen Simon.
A outra gran noticia chegou co bronce mundialista do segundo representante da EP Ciudad de Pontevedra, Diego Piñeiro, chegando á meta a 2:39 do vencedor e tras superar por só 10 segundos ao italiano Leonardo Quattroccolo.
"Estou que non mo creo. A regata foi moi dura de principio a fin, ía de cuarto axudándome co quinto para tentar alcanzar ao grupo de cabeza, estivemos a aguantar ata que aproveitei as dúas últimas voltas para conseguir o bronce", explicou Piñeiro á Federación Galega de Piragüismo.
Un éxito con maiúsculas que aínda pode ter continuación para o piragüismo pontevedrés ata o peche do Mundial de Maratón previsto para o vindeiro domingo 2 de outubro.