O lago Estany de Banyoles, en Xirona, foi escenario a fin de semana do XXVII Campionato de España de Maratón, cunha importante presenza de piragüistas pontevedreses.
Tratábase dun evento importante ademais porque servía de Selectivo de Maratón Curto de cara ao Campionato de Europa que se celebrará do 13 ao 16 de xullo en Slavonski Brod, Croacia, para o que só se clasificaban os dous primeiros de cada categoría.
Non defraudou un dos grandes especialistas desta modalidade, Tono Campos (Breogán do Grove), ao impoñerse no C-1 cun tempo de 2:13:16 superando a Manuel Garrido (Kaiak Tudense). Campos repetiu ademais no C-2 facendo parella con Diego Romero levándose o ouro por diante de Diego Miguéns e Fernando Busto (As Torres).
Os dous padexeiros do Breogán, Tono Campos e Diego Romero, completaron a súa actuación co ouro e a prata respectivamente o C-1 do maratón curto, levándose os billetes europeos e deixando sen premio a Jaime Duro (EP Ciudad de Pontevedra) que foi terceiro.
Ademais no C-1 sénior feminino Noa Conde (EP Ciudad de Pontevedra) tivo tamén un papel destacado ao facerse coa medalla de prata, sendo só superada por María Martín (Piragüismo Aranjuez).
Na categoría Sub-23 Jaime Duro (EP Ciudad de Pontevedra) levou a vitoria na categoría C1, con Carlos Picón (Náutico O Muiño) no terceiro lugar, mentres que David Pazos (Piragüismo Verducido) conseguiu a medalla de ouro na categoría K-1 xuvenil e Verónica Rodiño (Piragüismo Verducido) a de bronce tamén no K-1 xuvenil.
No C-1 cadete pola súa banda Antonio Silva (Breogán) foi prata, e en paracanaoe Marcos Terzado (Piragüismo Vilaboa) foi ouro na categoría Home senior PK3.