Javier Gómez Noya fará o saque de honra do Pontevedra-Coruxo

Pontevedra
02 de outubro 2015

O Pontevedra Club de Fútbol homenaxeará ao pentacampión do mundo de tríatlon no encontro do próximo domingo (17:00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón  

Chegada de Javi Gómez Noya ao aeroporto de Peinador Mónica Patxot

É un dos veciños máis ilustres da cidade e o Pontevedra Club de Fútbol quere renderlle unha merecida homenaxe.

O club granate únese aos recoñecementos a Javier Gómez Noya, flamante pentacampión do mundo de tríatlon, ao que invitou a realizar o saque de honra no partido de liga do próximo domingo (17:00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón ante o Coruxo.

Gómez Noya recibirá así o agarimo dos afeccionados pontevedreses e ademais será agasallado cunha camiseta oficial do Pontevedra co seu nome, segundo informou a entidade nun breve comunicado.

Curiosamente o Coruxo rendeu honras a pasada fin de semana ao triatleta no campo do Vao antes do encontro que lles enfrontaba ao Sporting B.

Ademais as homenaxes a Gómez Noya terán continuación a próxima semana cunha recepción na cidade na que creceu, Ferrol.