Jéssica Bouzas mira cara ao US Open tras caer no WTA 500 de Monterrey

O Salnés
19 de agosto 2025

A tenista arousá, tras a súa gran traxectoria en Montreal e Cincinnati, despediuse en primeira rolda do WTA 500 de Monterrey en México e xa se centra no último grand slam do ano

Jéssica Bouzas adestrando con España na Billie Jean King Cup RFET

Chegaba tras unha espectacular xira norteamericana, na que avanzou até cuartos de final no WTA 1.000 de Montreal e até os oitavos de final en Cincinnati, pero esta vez a moeda saíulle cruz.

Jéssica Bouzas non puido pasar da primeira rolda no WTA 500 de Monterrey, en México.

A arousá, que chegaba á cita no posto 40 virtual do ranking mundial, cedeu este luns na súa estrea mexicana ante a rusa Kamilla Rakhimova (6-4, 7-5), número 68 do mundo.

Bouzas competiu como afai, pero acabou claudicando en hora e media de partido.

Unha derrota que non embaza en ningún caso o seu bo momento e que lle fai chegar con plena confianza á última gran competición da tempada, o US Open.

O último grand slam do ano arrinca o vindeiro domingo 24 de agosto, e nel céntrase xa a que será a principal representante española no cadro final ante a baixa confirmada de Paula Badosa.

Nas pistas de Nova York, Jéssica Bouzas tentará defender a terceira rolda que alcanzou hai un ano.

A de Vilagarcía coñecerá o nome da súa primeira rival e o camiño que lle espera no torneo o vindeiro xoves 22, cando se celebre o sorteo do cadro tanto feminino como masculino.