O mercado de fichaxes do Club Cisne Balonmán deu un xiro de 360 graos este mércores co regreso dun dos xogadores máis importantes do equipo, o lateral João Ferreira.
Durante a tempada 25/26 en División de Honra Prata, o portugués afianzouse como un dos xogadores con máis peso no vestiario ademais de ser a máxima referencia anotadora do plantel con 142 goles en 30 partidos de liga (4.73 de media por encontro).
As opcións de lograr a súa continuar de cara ao novo curso torcéronse nun primeiro momento, pois o club lerezano anunciou o 18 de xuño a súa despedida tras unha tempada como xogador da escuadra cisneísta.
Con todo, e contra todo prognóstico, o Cisne anuncia agora que João Ferreira volve para formar parte do equipo durante a próxima tempada.
Pechar a súa "fichaxe" non foi sinxelo, pois desde o club afirman que se trata dunha operación complicada xa que o orzamento para unha ficha senior profesional estaba moi limitado a estas alturas do mercado.
Este esforzo permite finalmente atar a un dos pesos pesados do equipo que contribuirá, sen ningunha dúbida, a lograr de novo o obxectivo da permanencia en División de Honra Prata.
O Cisne conta agora con 17 xogadores confirmados para afrontar o próximo curso.
A primeira ocasión para ver en funcionamento o equipo de Marcos Quiños será na segunda edición do Torneo Interpontes que se celebrará en Pontevedra os días 13 e 14 de agosto.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.