Johnny Medina, un especialista defensivo para o Teucro

Pontevedra
26 de xullo 2016

O pivote brasileiro, de 23 anos, procede do Balonmano Aragón. Aínda que chega para asumir un rol defensivo, especialmente tras a previsible saída de Víctor Rodríguez, "confío en que tamén nos poida axudar en ataque", asegura Quique Domínguez

Johnny Medina (centro) nun partido entre Teucro e Barcelona B no Municipal Diego Torrado

O Teucro atopou o especialista defensivo que buscaba ante a previsible saída de Víctor Rodríguez.

Trátase de Johnny Medina, pivote brasileiro de 23 anos que se compromete por unha tempada cos azuis con opción a unha segunda.

Medina chega a Pontevedra procedente do Balonmano Aragón, equipo que se retirou o pasado ano a metade de competición na Liga Asobal por problemas económicos. Antes militara no Ángel Ximénez de Puente Genil e nas categorías inferiores do Barcelona, club que lle trouxo a España no ano 2009.

A pesar de que se incorpora á disciplina teucrista para ocupar un posto importante na liña defensiva "confío en que tamén nos poida axudar en ataque", sinalou o seu novo adestrador, Quique Domínguez.

"Pode actuar en varias posicións aínda que normalmente defende no centro. Ten gran mobilidade, moita capacidade de desprazamentos e é duro e intenso en todas as súas accións", sinalou ademais o técnico pontevedrés da última fichaxe do equipo.