Primeiros movementos no Pontevedra Club de Fútbol, que xa traballa na planificación da próxima tempada na Segunda RFEF.
Nese plantel non estará Jon Bakero, a pesar de que era un dos nove xogadores que asinaran no seu momento un contrato que expiraba aínda en 2024.
O club granate confirmou este luns a través dun conciso comunicado que chegou a un acordo co atacante para rescindir o seu contrato antes de tempo. "Agradecemos o compromiso e profesionalidade mostrados durante toda a tempada e desexámoslle a mellor das sortes no futuro", sinala o texto difundido pola entidade de Pasarón.
Pola súa banda o futbolista quixo dar as grazas "a todos os afeccionados polo seu agarimo" explicando que "aínda que este ano non foi como esperaba, sempre dei o mellor de min", e afirmando que "decidín renunciar ao meu ano de contrato porque ás veces, para crecer hai que deixar ir. Deséxolle o mellor ao club e seguirei os seus futuros éxitos de cerca".
Jon Bakero aterrou o pasado verán na Boa Vila procedente do Slavia Sofía. A pesar de gozar de oportunidades, participando ata en 25 xornadas de liga con 9 titularidades, os seus números non convenceron ao club, e é que terminou o curso sen anotar nin un só gol.
Coa saída de Bakero, que se une ao fin da cesión de Álex Masogo, os futbolistas que asinaron un ano máis se reducen a oito, pero poden producirse aínda máis saídas en condicións similares. Trátase de Álex González, Rufo, Ángel Bastos, Luís Martínez, Borja Domínguez, Yelko Pino e Viktor Nikolov, ademais dun Oier Calvillo que debe regresar da súa cesión en Calahorra.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.