Dobre reforzo para o Pontevedra Club de Fútbol, que este venres anunciou a contratación de dous novos futbolistas e deixa o plantel preto de estar completo.
O club granate reforzouse cun mediapunta e un lateral esquerdo, polo que o obxectivo na dirección técnica céntrase agora en buscar a un dianteiro centro de referencia.
En canto ás fichaxes, o mediapunta elixido é Jorge Hernández, futbolista zamorano de 25 anos que a pasada campaña militou no Alcoyano, segundo clasificado do Grupo III da Segunda B.
Hernández disputou 31 partidos da liga regular (16 deles como titular), outro de Copa e un máis de play-off de ascenso, sumando un total de 4 goles ao longo de toda a campaña. Formado no Zamora, pasou estes anos tamén por equipos como o Valladolid B e o Sestao.
Pola súa banda o lateral esquerdo que tentará cubrir o oco deixado por Bonilla será Óscar Seoane, coñecido futbolísticamente como Jimmy e que a última campaña defendeu as cores do Club Deportivo Boiro, tras varios anos nas filas da Sociedade Deportiva Compostela.
O lateral santiagués, que está a piques de cumprir 30 anos, disputou o pasado ano 31 partidos de liga e 1 de Copa do Rei (30 deles como titular) anotando un gol e sendo peza importante na permanencia conseguida polo club coruñés, que despois perdeu a categoría nos despachos.
Ambos os dous futbolistas, na liña do resto de incorporacións, asinan co Pontevedra por unha tempada.
Con eles son xa 18 os xogadores confirmados para a próxima tempada e que o día 17 de xullo iniciarán a pretempada co equipos. Son os renovados Bruno Rivada, Edu Sousa, Mouriño, Kevin Presa, Álex Fernández, David Añón e Álex González e as fichaxes David Goldar, Anxo Pérez, Marcos Álvarez, David Castro, Jon Etxániz, Adrián León, Carlos Ramos, Miguel Ángel, Víctor Mongil e os propios Jimmy e Jorge Hernández.