O Pontevedra desvela por sorpresa a súa campaña de socios, na que mantén prezos

Pontevedra
16 de xullo 2017

O club granate publicou este domingo o prezo dos carnés de socio para a tempada 2017/2018, que darán acceso a todos os partidos de pretempada, a liga regular e os encontros da base. Como novidade créase o 'carné especial grana', por 40 euros engadidos, que dará acceso total a todas as competicións

Público en Pasarón no primeiro partido Pontevedra-Murcia
Público en Pasarón no primeiro partido Pontevedra-Murcia / Diego Torrado

Por sorpresa, a través das redes sociais e enviando aos medios o cartel promocional. Así desvelou este domingo o Pontevedra Club de Fútbol unha das informacións máis esperadas cada ano polos seus seguidores, o prezo dos abonos para a próxima tempada.

Baixo o título de "GranaTú" e coa "ilusión de crecer xuntos" iníciase unha campaña de socios que calca os prezos da pasada campaña.

Desta forma o custo para a categoría senior será de 220 euros na bancada de Tribuna, 150 en Preferencia, 90 en Fondo Norte, 80 euros en Fondo Sur e 600 no palco de autoridades.

Os xubilados deberán desembolsar 125 euros (Tribuna), 100 (Preferencia), 70 (Norte) e 60 euros (Sur), os bonificados (estudantes, desempregados e persoas con discapacidade) abonarán 110, 75, 70 e 60 euros respectivamente, mentres as peñas só poderán acceder aos fondos a un prezo reducido de 70 euros.

Pola súa banda o carné xuvenil fixouse en 60, 55 e 50 euros para Tribuna, Preferencia e fondos respectivamente, o infantil en 40, 35 e 30 euros e o baby en 10 euros.

Os abonos darán acceso aos partidos de pretemporada do equipo, a toda a liga regular e os encontros da base, aínda que como novidade créase a categoría 'carné especial grana' cun custo adicional de 40 euros e co que se terá acceso total a todas as competicións, por exemplo Copa do Rei ou unha posible fase de ascenso.

A campaña de socios dará comezo este luns 17 de xullo, sendo posible retirar os carnés nas oficinas do Estadio Municipal de Pasarón de unes a venres de 9:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.