Jorge Otero regresa ao Arosa para afrontar o reto da Segunda RFEF

O Salnés
30 de xuño 2021

O adestrador de Nigrán é o elixido para substituír a Rafa Sáez no banco da Lomba, no que afrontará a súa segunda etapa tres anos despois

Presentación de Jorge Otero como novo adestrador do Arosa
Presentación de Jorge Otero como novo adestrador do Arosa / Arosa SC

O Arosa xa ten substituto para Rafa Sáez, e é un vello coñecido da afección arlequinada.

Jorge Otero foi presentado este mércores como novo adestrador arosista, co que afrontará o reto que supón tentar consolidarse na nova Segunda RFEF tras o pelexado ascenso.

O técnico de Nigrán, que asina por unha tempada, regresa desta forma a Vilagarcía tres anos despois, e tras pasar desde entón polo Rápido de Bouzas na Segunda División B e as dúas últimas tempadas polo Alondras en Terceira.

Na súa anterior etapa o Arosa de Jorge Otero quedou en dúas ocasións ás portas do play- off de ascenso, finalizando a liga en sexta e quinta posición.

A elección do adestrador é a primeira pedra do novo proxecto arlequinado, que xa se move para pechar a renovación de boa parte do bloque que conseguiu o ascenso e sonda o mercado en busca de opcións para reforzar ao persoal.