Xornada de renovacións no Arosa, que mantén o ritmo na confección do seu novo proxecto deportivo.
Desde a confirmación de Jorge Otero como novo adestrador e con Rafa Saéz no posto de director deportivo, o club arlequinado vai a confirmación por día.
Este martes tocoulle a quenda a dúas renovacións nas figuras do porteiro Manu Táboas e do extremo Mon González.
O arqueiro vigués afrontará desta forma o seu cuarto curso consecutivo na Lomba, onde chegou procedente do Céltiga. Nas súas mans estará a responsabilidade de transmitir a seguridade que lle dá a súa experiencia de varios anos na Segunda B nos filiais do Celta e o Sporting e tamén no desaparecido CD Ourense.
Pola súa banda Mon vivirá o seu terceiro ano no Arosa, ao que se uniu tras seis campañas no Compostela. No último ano foi unha das pezas básicas para o seu adestrador, acumulando 26 partidos disputados, 24 deles como titular, e anotando 4 goles.
Con eles son xa oito as pezas confirmadas para o proxecto arosista na Segunda RFEF, tras as fichaxes de Luismi e Diego Diz e as renovacións de Jorge Fajardo, Ross, Julio Rey e Sidibé.
Tanto Mon como Manu Táboas prolongan a súa vinculación coa entidade de Vilagarcía por unha tempada.