A Sociedad Deportiva Teucro mantén a súa intención de impulsar cada vez máis a súa estrutura feminina, e para iso a continuidade do seu equipo sénior é unha prioridade.
Para o segundo ano de vida deste equipo a xunta xestora teucrista chegou a un acordo co adestrador Julio Bouzas, que asumirá a súa dirección.
Formado como xogador no Club Deportivo Cultural Balonmán Ribeiro, chegou ao Teucro na tempada 19-20 para adestrar ao alevín feminino, dando un paso adiante o último curso compaxinando a dirección do infantil feminino da entidade co posto de axudante no sénior feminino.
"O seu carisma e o seu gran traballo durante estes dous anos convérteno no candidato perfecto para dirixir o equipo sénior feminino. Ademais, o seu espírito loitador e a súa mocidade serán un aliciente para dar continuidade ao proxecto", sinala o club pontevedrés.
Pola súa banda Julio Bouzas recoñeceu que "me fai bastante ilusión este proxecto", para o que se marca como obxectivo "ir evolucionando co equipo e ir mellorando partido a partido".