Kilian Ramírez, fichaxe para a portería do Teucro

Pontevedra
09 de setembro 2021

O gardameta canario incorpórase este xoves aos adestramentos do cadro teucrista tras pechar a súa etapa no Villa de Aranda. Internacional en categorías inferiores, acaba de recuperarse dunha grave lesión de xeonllo

Kilian Ramírez, no partido entre España e Alemaña do Mundial Júnior de Balonmán Diego Torrado

A Sociedad Deportiva Teucro atopou a peza que lle faltaba para completar o plantel e en especial a súa portería, coa fichaxe do gardameta canario Kilian Ramírez.

Internacional en categorías inferiores, Kilian chega ao club pontevedrés tras pasar por clubs da Liga Asobal como Ciudad Encantada e Villa de Aranda, co que a pasada campaña sufriu unha grave lesión de xeonllo coa rotura do ligamento cruzado.

Superada a lesión, Ramírez ten previsto incorporarse este mesmo xoves aos adestramentos xunto ao resto dos seus novos compañeiros.

"Estou contento pola oportunidade de formar parte deste equipo", recoñece un Kilian que como obxectivos márcase "primeiro volver xogar despois de tanto tempo e despois achegar o meu gran de area ao equipo".

Para o Teucro a súa ampla traxectoria na Selección Española, chegando a disputar de feito o Mundial Júnior que se celebrou en Pontevedra e Vigo, convértelle "nun dos porteiros de maior proxección a nivel nacional".

Kilian Ramírez compartirá a portería teucrista esta campaña co alemán Joshua Rau e o xuvenil Daniel Pérez.