Paso adiante para habilitar tres novas pistas de pádel en Soutomaior.
O Concello publicou a licitación das obras, que contarán con financiamento da Deputación a través do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e do Plan +Provincia.
Esta actuación permitirá transformar a actual pista de tenis situada na parte baixa do recinto da Montesiña en pistas de pádel.
Ademais ampliarase a bancada lateral e adaptarase a cuberta ás novas dimensións da superficie de xogo.
"Supón un paso importante para consolidar a Montesiña como un referente deportivo no municipio", explicou o alcalde, Manu Lourenzo.
"O pádel é unha disciplina cunha demanda crecente en Soutomaior e estas novas pistas permitirán ampliar a oferta deportiva municipal, mellorar as condicións de práctica e facilitar a organización de actividades e competición", engadiu pola súa banda o edil de Deportes, Gonzalo Outeiro.
Esta reforma conta cun investimento previsto de 260.000 euros.
Unha vez se peche o proceso de contratación, explica o goberno local, as obras executaranse un prazo previsto de catro meses.
Ademais, o goberno local xa traballa nun novo proxecto para crear un complexo deportivo ao aire libre con dúas pistas de tenis nas inmediacións da Montesiña, completando así unhas instalacións modernas e renovadas para o desfrute da veciñanza.