Lorena Patiño estrea a tempada de XCO cun podio na UCI Junior Series

Marín
19 de febreiro 2025
Actualizado: 13:24

A ciclista marinense, na súa estrea co equipo Decathlon-Misser, logrou o terceiro posto na carreira júnior dos Internacionais de Chelva, en Valencia

Lorena Patiño, no Mundial de BTT en Andorra Real Federación Española de Ciclismo

Apenas dúas semanas despois de rozar o Top-10 no Campionato do Mundo de Ciclocrós, Lorena Patiño cambiou de bicicleta para estrear calendario de montaña no Cros Country Olímpico (XCO).

Fíxoo ademais debutando co seu novo equipo, o Decathlon-Misser, e con grandes resultados.

A ciclista marinense subiu ao podio nos Internacionais de Chelva, en Valencia, unha proba incluída en UCI XCO Junior Series e que outorga importantes puntos para o ranking internacional.

Partiño, actual campioa de España júnior, afronta o seu segundo ano na categoría disposta a baterse coas mellores ciclistas do continente.

En Chelva non puido seguir o brutal ritmo da vencedora, a eslovena Marusa Serkezi, pero mantívose na pelexa polo segundo posto até o final coa chilena Florencia Monsálvez.

Finalmente entrou na meta en terceira posición a 3:28 da gañadora pero a só 20 segundos do segundo posto.

Fíxoo ademais con máis de minutos e medio de vantaxe sobre a súa inmediata perseguidora, a eslovena Meta Tancik.

A próxima competición da UCI XCO Junior Series terá lugar xa este próximo fin de semana na localidade catalá de Banyoles.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora