Lucía Vázquez logra o seu segundo título en Portugal

Vilaboa
13 de outubro 2015

A ciclista de Vilaboa adxudicouse este domingo a vitoria na clasificación xeral final da Taça de Portugal 2015 tras vencer na sexta e última proba puntuable  

Lucía Vázquez tras gañar a súa segunda Taça de Portugal Comunicación Lucía Vázquez

Chegaba á última cita do calendario cun só punto de vantaxe á fronte da xeral e as contas claras, debía quedar por diante da súa principal rival, a estoniana Maaris Meier.

Lucía Vázquez conseguiu gañar a Taça de Portugal de BTT na modalidade de Cross Country Olímpico ao vencer na última cita da competición, na rexión lusa de Alentejo.

A ciclista de Vilaboa foi primeira tras mandar desde os primeiros compases da carreira, mantendo baixo control á súa rival, que foi terceira trala portuguesa Joana Monteiro.

"Sabía que ao ser o circuíto tan duro, e ademais chovendo, beneficiábame. No entanto, respectaba moito á estoniana porque gañara hai dúas semanas", comentou trala proba Lucía.

É a segunda vez que a pontevedresa gaña a Taça de Portugal, poñendo un broche de ouro a unha tempada na que logrou ascender postos no ranking olímpico.