Luisito, castigado con dous partidos de sanción pola súa expulsión en Murcia

Pontevedra
31 de maio 2017

O técnico granate foi expulsado no minuto 89 de partido por protestar un posible penalti na área do Murcia que podería achegar a clasificación do equipo. Perderase os dous primeiros partidos da tempada. O primeiro plantel do Pontevedra despide o curso cun adestramento en Pasarón

Luisito, no partido entre Real Murcia e Pontevedra na Nueva Condomina
Luisito, no partido entre Real Murcia e Pontevedra na Nueva Condomina / Pepe Valero / www.goldelmurcia.es

O Xuíz Único de Competición da Segunda División B castigou a José Luis Míguez 'Luisito' con dous partidos de sanción pola súa expulsión no choque do pasado domingo na Nueva Condomina ante o Real Murcia.

O técnico granate foi expulsado, segundo sinalou o colexiado no acta arbitral, "por protestar en reiteradas ocasións unha decisión miña berrando e cos brazos no alto, á vez que saíu da área técnica".

Esta protesta tivo lugar no minuto 89 de partido por unha acción de posible penalti na área murcianista que podería ter posto ao Pontevedra a un só gol de empatar a eliminatoria.

Unha vez concluída a tempada, Luisito deberá cumprir a sanción nos primeiros partidos da próxima campaña, que os granates comezaron a deseñar xa coa planificación deportiva entre o propio adestrador e o conselleiro responsable da área, Roberto Feáns.