Xornada frenética nas oficinas do Estadio Municipal de Pasarón, por onde ao longo da tarde pasaron ata 10 futbolistas do primeiro plantel do Pontevedra para negociar o seu futuro.
O club granate, tras falar con eles, comunicou as primeiras baixas no equipo, que se unen ás das dos cedidos Mario Barco e Eneko que regresan aos seus clubs de procedencia.
Os que non continuarán defendendo a camiseta granate a próxima tempada son os dianteiros Mateu Ferrer e Miki e os defensas Portela e Capi.
Destes movementos despréndese que unha das prioridades no mercado estival será reforzar o eixo central da defensa. A outra, un ano máis, será atopar gol, xa que os dous dianteiros centros do equipo durante este ano, Barco e Mateu, xa se desvincularon do club.
Caso diferente foron os de Adrián Mouriño, Abel, Jacobo Trigo, Iker Alegre, Bruno Rivada e Miguel Loureiro, aos que se lles trasladou unha oferta de continuidade.
Na entidade granate esperan resolver o futuro destes futbolistas nos próximos días unha vez teñan valorado detidamente a oferta presentada, á vez que seguirán recibindo ao resto de integrantes do primeiro plantel durante a xornada do venres.