Dous dos xogadores nos que máis confianza depositaba o Pontevedra para a próxima tempada, Iker Alegre e Miguel Loureiro, non continuarán defendendo a camiseta granate.
Ambos os futbolistas rexeitaron a oferta de renovación que lles presentou a entidade e causan baixa no equipo.
No caso de Loureiro, a quen o club tentou renovar xa o pasado mes de febreiro e ao que se lle ofreceu un contrato de tres anos de duración, pesaron máis os cantos de sirena que chegan desde clubs de categoría superior despois da súa gran tempada.
Iker Alegre pola súa banda, tras un ano marcado por unha grave lesión de xeonllo, non viu colmadas as súas aspiracións coa proposta do club decidindo facer as maletas en busca dun novo destino. Ese novo equipo é o Caudal de Mieres, que a última hora desde martes fixo oficial a súa contratación.
Mellor foron as negociacións con outros futbolistas, e é que o Pontevedra anunciou tamén as dúas primeiras renovacións, as de Adrián Mouriño e Álex Fernández.
Mouriño, un dos sobreviventes do último ascenso, cumprirá así a súa cuarta campaña defendendo a elástica granate, mentres Álex Fernández encarará a súa terceira tempada no club, números que quixo celebrar cunhas verbas a través do seu perfil de Twitter recoñecéndose "feliz e ilusionado".
Feliz e ilusionado tanto mi familia y yo de vestir un año + sta camiseta!Me siento uno +De esta familia.gracias por confiar en mi PONTEVEDRA
— Alex Fernández (@alexfdezb) 6 de junio de 2017
O resto de xogadores aos que se lles trasladou unha oferta de renovación teñen de prazo ata o venres para dar unha resposta á dirección deportiva antes de que comecen a buscar no mercado opcións para substituílos.