Luisito volverá tentalo co Arosa: "Véxome moralmente obrigado a renovar"

O Salnés
27 de maio 2023

O técnico de Teo renovou por unha tempada máis co Arosa, co que volverá tentar o ascenso a Segunda RFEF despois de quedar esta campaña ás portas do obxectivo

Luisito, no partido entre Arosa e Silva na Lomba
Luisito, no partido entre Arosa e Silva na Lomba / Cristina Saiz

O Arosa e José Luis Míguez 'Luisito' danse unha nova oportunidade.

O técnico de Teo renovou o seu contrato coa entidade arlequinada por unha tempada máis, e volverá tentar conseguir un ascenso a Segunda RFEF do que quedaron ás portas, primeiro tras pelexar ata a última xornada polo liderado e por tanto a praza de ascenso directo e despois por caer na segunda eliminatoria do play-off.

"Véxome moralmente obrigado a renovar", asegura Luisito, e é que a eliminación contra o Villalbés "para min foi o pau máis grande desde que son adestrador".

Ademais da súa función como adestrador do primeiro plantel, o preparador repetirá ademais por segundo ano nas funcións de director deportivo do Arosa.

Tomada a decisión comeza agora o momento de planificar o próximo curso, un novo proxecto na Lomba no que "quero manter o bloque de futbolistas porque iso é o máis importante, pelexárono eles e traballaron como condenados. O principal é manter un bloque sólido", avanza Luisito.