En pleno período de negociacións para configurar o plantel a presidenta do Pontevedra Club de Fútbol, Lupe Murillo, valorou a situación actual do club e do mercado futbolístico.
Fíxoo en declaracións á Televisión de Galicia compartidas na conta do programa En Xogo.
Nelas a dirixente granate recoñece que "o mercado está parado porque os xogadores están a esperar por certas situacións".
Por iso, e independentemente de que se poida ir pechando algunha operación "todos estamos á espera de que uns vaian caendo, outros vaian entrando e outros vaian aceptando as propostas do Pontevedra Club de Fútbol", afirma.
Murillo tamén valorou a posible configuración de grupos da Primeira RFEF.
Coa división norte-sur recibindo numerosos apoios, a presidenta do Pontevedra é das que opina que "é máis fácil ir a Cataluña ou ao País Vasco que cruzar toda España para ir ao sur".
De feito, como fixo noutras ocasións, criticou a experiencia do club pontevedrés nesta categoría na campaña 22-23, na que tivo que viaxar ata Andalucía.
"A primeira configuración que tivo o Pontevedra na primeira etapa en Primeira RFEF non foi fantástica para nós no eido económico e de atraer público, porque ninguén ía vir de Ceuta, nin de San Fernando, nin de Linares. Non era unha competición atractiva para nós, non había público e as viaxes foron realmente longas", explicou a presidenta.