Lydia Pérez, apeada do Mundial Sub-23 de loita na fase de clasificación

Pontevedra
23 de novembro 2017

A deportista pontevedresa cedeu nun apertado combate ante a turca Mehlika Ozturk e non puido avanzar no cadro final da competición que se celebra na localidade polaca de Bydgoszcz

Lydia Pérez (de vermello), no campionato de España de loitas olímpicas celebrado en Pontevedra

A participación de Lydia Pérez Touriño no Campionato do Mundo  Sub-23 de Loitas Olímpicas, que se está celebrando na localidade polaca de Bydgoszcz, terminouse ao primeiro de vez.

A fortuna foi esquiva á deportista pontevedresa, aínda no seu primeiro ano na categoría e que protagonizou un apertado combate ante a turca Mehlika Ozturk na categoría de 58 quilos.

O resultado final foi de empate (2-2), pero o enfrontamento decantouse en favor da representante turca.

Desta forma Lydia non puido avanzar no cadro final da competición, para a que se preparou a conciencia sendo o seu gran obxectivo na parte final de ano.

INVITACIÓN PARA PARTICIPAR NA COPA DO MUNDO EN RUSIA

Sen tempo para lamentarse do resultado no Mundial  Sub-23, Lydia Pérez ten xa un novo obxectivo ante ela, a Copa do Mundo que se celebrará o 1 ao 3 de decembro en Chebuskary (Rusia).

A deportista do Club de Loita Pontevedra é unha das catro loitadoras galegas convidadas pola federación rusa a participar na competición e a tomar parte nunha concentración de adestramento coa selección deste país entre o 25 de novembro e o 6 de decembro.

Esta invitación é froito das boas relacións entre a federación de Rusia e a española, especialmente nos que se refire aos deportistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva que dirixe o ex-seleccionador soviético Alexander Kachelaev.

As outras tres loitadoras invitadas son Nerea Pampín, Judit Varela e Noelia Lalín, do Club Keltoi Vila de Cruces, aínda que a última delas non poderá acudir á cita por un problema de saúde.