Lydia Pérez optará ao bronce nos Xogos Mediterráneos tras caer en semifinais

Pontevedra
26 de xuño 2018

A pontevedresa Lydia Pérez Touriño pelexará este mércores pola medalla de bronce nos Xogos Mediterráneos. Farao tras caer en semifinais e quedar a un paso de disputar o combate final polo ouro

Lydia Pérez (de vermello), no campionato de España de loitas olímpicas celebrado en Pontevedra

A pontevedresa Lydia Pérez Touriño pelexará este mércores pola medalla de bronce nos Xogos Mediterráneos. Farao tras caer en semifinais e quedar a un paso de disputar o combate final polo ouro.

A xornada non comezaba ben para a deportista do Club de Loita Pontevedra, ao perder no seu primeiro combate na categoría de 62 quilogramos ante a turca Elif Yesilirmak. Foi por un contundente 5-0 sobre o tatami do pavillón de Vila-Seca (Tarragona).

Con todo, a pontevedresa repúxose e, no seu segundo duelo, pasou por encima da francesa Sonia Baudin, á que derrotou por 11-0.

Xa pola tarde, a remontada truncábase coa derrota en semifinais ante a tunisiana Marwa Amri. A galega caía por 4-0.