Xornada de malas noticias a deste mércores para o Pontevedra Club de Fútbol, que non só viu como a Xuíza de Competición da Segunda División B non facía caso da súa reclamación pola expulsión de David Castro, senón que ademais perdeu a un novo futbolista por lesión.
Non se trata neste caso dunha doenza, a priori, de gravidade, pero todo apunta a que Romay estará polo menos un par de semanas afastado dos terreos de xogo.
O centrocampista, en pleno adestramento celebrado na Xunqueira, notou un forte tirón muscular na parte posterior da perna e tivo que retirarse da sesión.
"Fue un toque en el isquio", relatou despois Luismi, quen recoñeceu que a falta das probas médicas pertinentes "no pinta bien", colocando a Romay na lista de baixas coa que deberá afrontar o equipo granate o encontro do próximo domingo 28 de outubro (18:30 horas) en Pasarón ante o Salamanca CF.
Nesa lista atópase tamén o lesionado de longa duración Álex Fernández e os sancionados Adrián León e David Castro, tras as súas respectivas expulsións en Burgos.
No caso de Castro, o Pontevedra presentou alegacións á primeira das dúas cartolinas amarelas que lle mostrou o colexiado, por "atrasar a posta en xogo do balón, con ánimo de perder tempo", segundo sinalou na acta arbitral. Con todo a Xuíza Única de Competición non atendeu ao recurso ao entender que "non se dá o erro material manifesto, como único suposto no que procede deixar sen efecto" a amoestación, tal e como reflectiu na súa resolución.