Se este Campionato de Europa de Piragüismo Sprint deixa un nome propio dentro da representación da armada pontevedresa é, sen dúbida, o de Manuel Fontán.
O padeeiro do Club Náutico O Muiño de Ribadumia xa brillou na xornada do sábado tras subir ao máis alto do podio na final mixta do C4 500 xunto á lerezana Antía Jácome, Viktoria Yarchevska e Diego Domínguez.
Lonxe de conformarse, Fontán completou unha nova exhibición nas augas da localidade portuguesa de Montemor-o-Velho para conseguir a medalla de prata na final de C2 500 celebrada este domingo.
Fíxoo formando parella, unha vez máis, co madrileño Diego Domínguez. Ambos os padeeiros entendéronse á perfección e deron o mellor de si para terminar a carreira en segunda posición cun tempo de 1:43.301.
Só medio segundo separou a canoa dos españois do equipo ruso, gañador da proba tras cruzar a liña de meta cun tempo de 1:42.801. Completou o terceiro chanzo do podio a parella húngara (1:43:816).
Esta última xornada de competición tamén estivo marcada pola representación de Carolina García e Jaime Duro, que non lograron subirse o podio nas súas respectivas modalidades. Carolina tentouno na final de K2 500 formando parella con Nerea García, pero non puido pasar da oitava posición.
Moito máis preto quedou un Jaime Duro que pechou a representación local cun cuarto posto na final do C1 5000. O pontevedrés, que chegou á cita nun gran estado de forma tras lograr varios éxitos internacionais recentemente, cruzou a meta en 24:01.467 a case un minuto do medallista de bronce, o polaco Wiktor Glazunow.
A armada pontevedresa pecha así a súa representación nun Europeo Sprint que termina con grandes sensacións para os padeeiros da Boa Vila.