María Lago renova e cumprirá o seu sétimo ano no Arxil

Pontevedra
03 de xullo 2017

Terceira renovación no club pontevedrés, que avanza na composición do plantel para competir un ano máis na Liga Feminina 2 de baloncesto

María Lago, no partido entre Arxil e Aros León no CGTD Diego Torrado

Aos poucos o Arxil vai completando as pezas do plantel que competirá un ano máis na Liga Feminina 2 de baloncesto.

Se durante a fin de semana o club verde confirmou a fichaxe da pívot colombiana Tatiana Mosquera, co inicio da semana segue avanzando nas renovacións ao asegurarse a continuidade dunha xogadora clave no equipo, María Lago.

A xogadora de Porriño alcanzará así a súa sétima tempada á ordes de Mayte Méndez no Arxil, despois dun ano no que foi unha das utilizadas na rotación do equipo e das máis importantes no xogo exterior.

Na última tempada María Lago alcanzou de media 12,5 puntos, 3,6 rebotes e 2,4 asistencias por partido, ademais de 2 roubos por encontro.

Coa escolta son xa catro as xogadoras confirmadas xunto ás renovadas Carla Fernández e Arantxa Mallou e a fichada Tatiana Mosquera.