Marín acollerá en xuño o Campionato de España Infantil Feminino de baloncesto

Marín
17 de xaneiro 2017

Concello de Marín e Federación Galega de Baloncesto asinaron un convenio para a celebración na localidade de diversas actividades de promoción do baloncesto ao lagro de 2017, entre as que se atopa o Nacional Infantil. Marín postúlase tamén como sede da fase final da próxima edición da Copa Galicia Senior masculina

Sinatura do convenio entre Concello de Marín e Federación Galega de Baloncesto
Sinatura do convenio entre Concello de Marín e Federación Galega de Baloncesto / PontevedraViva

A Federación Galega de Baloncesto outorgou a Marín a organización do Campionato de España Infantil Feminino, concedido á federación autonómica.

A cita celebrarase do 10 ao 17 de xuño de 2017 no que supón "un impulso para todas las niñas" que practican o deporte da canastra en Marín, recoñeceu Luís Santiago, dirixente do Peixe Galego.

Non será o único evento pero si o máis importante incluído no convenio de colaboración asinado entre Concello de Marín e a Federación Galega de Baloncesto para este ano.

En virtude do mesmo o Concello achegará preto de 25.000 euros para a organización do Campionato de España e "en el entorno de 10.000 a 12.000 euros para las demás actividades", sinalou o concelleiro de Deportes, Antonio Traba.

Esas actividades serán, entre outras, un clinic de adestradores, outro de arbitraxe ou o torneo de seleccións autonómicas de minibasket.

"Marín es ahora mismo un referente", sinalou o presidente da Federación Galega, Francisco Martín, que abriu a porta a poñer unha guinda especial ao ano 2017 deixando no aire a posibilidade de que a vila sexa a sede o próximo mes de setembro da fase final da Copa Galicia Senior Masculina.

CAMBADOS E VILANOVA, SEDE DO NACIONAL MASCULINO

Coa adxudicación do Campionato de España Infantil Feminino a Marín a provincia será o centro do baloncesto nacional durante unha semana, ao sumarse a Cambados e Vilanova que acollerán a competición masculina da mesma categoría.