Marta Domínguez, do Squash Pontevedra, proclámase subcampioa de España absoluta

Pontevedra
11 de febreiro 2019

A xoven xogadora do club pontevedrés, de só 17 anos, plantouse na final do Campionato de España Absoluto celebrado en Cuenca, cedendo unicamente ante a murciana Cristina Gómez, que defendía título

Marte Domínguez (esquerda) no podio do Campionato de España Absoluto de Squash Real Federación Española de Squash

Segue queimando etapas a pasos axigantados Marta Domínguez no seu camiño cara á elite do squash nacional.

A xoven xogadora Squash Pontevedra vén de proclamarse, con só 17 anos, subcampioa de España absoluta na competición que se celebrou durante a fin de semana en Cuenca.

Domínguez realizou un torneo notable e só cedeu na final ante a murciana Cristina Gómez, que defendía título e sumou a súa terceira coroa nacional consecutiva.

O duelo polo campionato decidiuse en tres parciais e de maneira clara en favor de Gómez, por 11-5, 11-5 e 11-8. Antes, para chegar á final, Marta Domínguez superara na semifinal a Sofía Mateos nun igualado partido (11-7, 12-10, 9-11 e 11-6).

Tamén competiu no Campionato de España Absoluto a súa irmá e compañeira de club María Domínguez, que cedeu no seu primeiro enfrontamento ante Noa Romero, quedando relegada á loita polo noveno posto.