Ao Club Cisne Balonmán tócalle despedirse dun dos seus xogadores máis importantes nas últimas tempadas, o seu canteirán Mateo Arias.
O extremo confirmou este luns que deixará o que sempre foi o seu equipo a final de curso.
Vaino facer para xogar o próximo tempada na máxima categoría, a Liga Asobal, nas filas dun Villa de Aranda que dirixe o ex adestrador cisneísta Javier Márquez.
"Foi unha decisión moi dura e moi persoal pero sinto que é algo que necesito para seguir crecendo na miña carreira", afirmou o extremo nun vídeo compartido polo Cisne e no que repasa algúns dos seus momentos na canteira e no primeiro equipo, co que chegou a xogar en Asobal dúas tempada (20-21 e 22-23).
Este curso en División de Honra Prata é o máximo goleador do equipo con 153 goles en liga, e aínda afrontará un último reto como xogador do Cisne, o de gañar a próxima fin de semana ao BM Lanzarote para evitar caer ao play-out pola permanencia. Será o seu último partido na que foi o seu club durante 19 anos.
"Os momentos que vivín aquí non os podía pensar nin nos meus mellores soños, e levareime momentos para toda a miña vida. Este club formoume, inculcoume uns valores únicos e fíxome crecer como persoa, e iso sempre o levarei comigo", explicou Mateo.
O xogador pontevedrés marcha "eternamente agradecido a todos os que me axudaron neste camiño".
Por todo iso, asegura, "isto non é un adeus, sempre Cisne".