Melania Rodríguez, concentración en Portugal antes de lanzarse a pola súa última baza olímpica

Pontevedra
01 de febreiro 2024

A deportista do Club Ximnasia Pontevedra foi convocada a unha concentración internacional en Portugal a poucos días de afrontar unha das dúas decisivas citas da Copa do Mundo nas que aspira a conseguir a clasificación para os Xogos Olímpicos de París

Melania Rodríguez, nos adestramentos previos ao Campionato de Europa de Trampolín en Rimini
Melania Rodríguez, nos adestramentos previos ao Campionato de Europa de Trampolín en Rimini / Real Federación Española de Gimnasia

"A verdade é que me vexo moi ben, estou a adestrar moi ben e despois do Mundial que conseguín facer atópome moi motivada", recoñecía Melania Rodríguez recentemente nunha recepción ofrecida polo Concello de Pontevedra.

Un mes despois a deportista do Club Ximnasia Pontevedra chega ao momento clave da tempada, no que buscará a súa clasificación para os Xogos Olímpicos de París.

Con ese optimismo a ximnasta tentará facerse cunha praza nas próximas citas da Copa do Mundo de Trampolín, ao non telo logrado por moi pouco no Mundial, empezando pola competición que se celebrará do 23 ao 25 de febreiro en Bakú.

Un bo resultado na capital de Acerbaixán achegaría moito o billete olímpico, que en todo caso debería aínda ser referendado no mes de marzo.

Pero antes, para chegar ao momento da verdade nas mellores condicións posibles, a Real Federación Española de Ximnasia convocou a Melania e a outros cinco ximnastas, todos eles de fóra de Galicia, a unhas xornadas de adestramento que se celebrarán do 10 ao 13 de febreiro no Centro de Alto Rendemento de Sangalhos, en Portugal, e na que o obxectivo é prepararse para as copas do Mundo clasificatorias para os Xogos, ao tratarse da última oportunidade para lograr a praza olímpica.