Melania Rodríguez revalida en Bakú o seu título europeo de ximnasia trampolín

Pontevedra
17 de abril 2018

A ximnasta pontevedresa proclamouse por segunda vez consecutiva campioa de Europa júnior na modalidade de Dobre Minitramp. Ademais conseguiu a medalla de bronce na competición por equipos redondeando unha sobresaliente actuación

Melania Rodríguez no podio do Campionato de Europa de Ximnasia Trampolín en Bakú Real Federación Española de Gimnasia

A súa empeza a ser unha colección de medallas digna de admiración. A pontevedresa Melania Rodríguez regresou do Campionato de Europa de Ximnasia Trampolín con dous metais ao pescozo e confirmada como unha das mellores ximnastas internacionais nesta especialidade.

A deportista do Club Ximnasia Pontevedra proclamouse en Bakú, Acerbaixán, por segunda vez consecutiva campioa europea júnior na modalidade de Dobre Minitramp.

Melania completou un gran concurso para finalizar con 70.000 puntos, seguida da rusa Aleksandra Bonartseva con 69.800 puntos e da portuguesa Sara Guido con 66.200 puntos, repetindo así a medalla de ouro conseguida en 2016 en Valladolid.

Por se non fose pouco a pontevedresa, que tamén conta no seu palmarés cun ouro mundial, fíxose coa medalla de bronce na competición por equipos de Dobre Minitramp, e foi sexta na modalidade de Trampolín Sincro xunto a Marina Chavarria tras sumar 35.200 puntos.

A competición europea redondeouse para o Club Ximnasia Pontevedra - Burgas Ourense coa medalla de bronce conseguida polo equipo nacional sénior de Dobre Minitramp, no que participaron Álex Cid, Alejandro Bernárdez e Daniel Pérez.