Merece algún gol do Pontevedra coarse entre os mellores do curso na Segunda B?

Pontevedra
03 de abril 2020

A Real Federación Española de Fútbol puxo en marcha estes días de confinamento unha serie de votacións para elixir o mellor gol da tempada na categoría de bronce, pero na lista de candidatos non aparece ningún tanto do club granate

Concurso da RFEF para elexir o mellor gol da Segunda B RFEF

A Real Federación Española de Fútbol puxo en marcha estes días de confinamento unha serie de votacións para elixir o mellor gol da tempada na categoría de bronce. Con todo na lista de candidatos en oitavos de final non aparece ningún tanto do Pontevedra Club de Fútbol.

Nestes candidatos só se atopan dous goles conseguidos en partidos do Grupo I, cun de Javi Lara para o Ibiza na xornada 3 e outro de Manu para Las Palmas Atlético na 11.

Chegados a este punto repasamos algunhas das dianas máis bonitas do curso para os granates, a pesar dos seus altibaixos clasificatorios.

Xa na primeira xornada de liga Álvaro Bustos asinou un bonito tanto na vitoria ante o Coruxo, recollido polas cámaras da Televisión de Galicia.

De feito o programa autonómico En Xogo, especializado no fútbol rexional, elixiu como candidato a mellor gol da xornada nun par de ocasións dianas logradas por xogadores granates. Unha delas logrouna Javi López cun falta directa que supuxo o gol da honra na derrota fronte ao Atlético de Madrid B en Pasarón.

Tamén Bustos quedou preto dese recoñecemento (29% dos votos) na penúltima xornada antes do parón pola alerta sanitaria, co tanto que pechou a goleada contra o Real Madrid Castila ao sorprender ao gardameta cunha afastada vaselina.

Nese mesmo partido Rufo deu unha exhibición de remate conseguindo o seu primeiro hat-trick coa camiseta do Pontevedra. Nada en todo caso que lle valera ao pichichi do Grupo I para estar entre os candidatos da RFEF a mellor gol da tempada.

A final deste particular torneo impulsado pola Federación a través das súas redes sociais levará a cabo o vindeiro martes 14 de abril.