Miguel Vázquez e Pablo Lede, dúas novas baixas confirmadas polo Pontevedra

Pontevedra
04 de xullo 2014

O Pontevedra confirmaba a media tarde do venres seis baixas ás que poderían unirse tres ou catro máis nos próximos días. Aos nomes xa coñecidos de Richi, Santi Domínguez, Paco e Javi Otero, únense os de Pablo Lede e Miguel Vázquez, segundo a lista feita pública polo club granate. O defensa central vaise ao Ribadumia

Miguel (no centro) con Benja e David García, nun adestramento en Pasarón
Miguel (no centro) con Benja e David García, nun adestramento en Pasarón

O Pontevedra confirmaba a media tarde do venres seis das baixas que se viñan barallando dende hai días, tal e como adiantou PontevedraViva. Aos nomes xa coñecidos de Richi, Santi Domínguez, Paco e Javi Otero, únense os de Pablo Lede e Miguel Vázquez, segundo a lista feita pública polo club granate.

Pero esa lista aínda non está completa, xa que polo menos faltan outros tres ou catro xogadores cos que aínda non se levou a cabo a correspondente reunión para clarificar a súa situación, e que non contan para a comisión deportiva.

Salvo sorpresas, aos seis citados uniranse as baixas de Caco, David Pérez e Benja, así como moi posiblemente a de Moreira, co que xa se iniciaron as conversacións, mentres que a situación de Luismi, Kevin Levis e David García pode depender de dous factores como son o equilibrio económico que se pretende no gasto total do equipo, así como a obrigatoriedade de cubrir a cota de prazas de xogadores sub-23, o que podería xogar en favor da súa continuidade.

Todas as baixas citadas o son por finalización de contrato, xa que o Pontevedra non conta agora mesmo con ningún xogador con contrato en vigor no primeiro equipo. Como xa se coñece, algúns dos xogadores que abandonan a casa granate están a buscar acomodo noutros equipos, tal é o caso de Javi Otero, que asinou polo Rácing Villalbés.

Polo que respecta ao central, Miguel Vázquez, xa encontrou tamén acomodo para a próxima tempada. O Ribadumia de Gabi Leis, que debutará na Terceira División, será o seu destino.