"Moitas ganas e ilusión" no Poio Pescamar para disputar a Supercopa de España

Poio
02 de febreiro 2024

O primeiro torneo do ano entra en xogo para Poio Pescamar, Roldán, Burela e Atlético Navalcarnero, que disputarán esta fin de semana no Palacio San Miguel de Torremolinos a fase final da Supercopa de España

O Poio Pescamar xa está en Torremolinos para disputar a Supercopa de España Futsal RFEF

O primeiro torneo do ano entra en xogo para Poio Pescamar, Roldán, Burela e Atlético Navalcarnero, que disputarán esta fin de semana no Palacio San Miguel de Torremolinos a fase final da Supercopa de España.

O conxunto vermello, que esquivou no sorteo aos pesos pesados Burela e Navalcarnero, buscará o seu pase á final este sábado ante o STV Roldán (18:30 horas, Teledeporte), un rival "parello pola clasificación" que conta cun "gran persoal e un bo adestrador".

Dentro do club conserveiro respírase unha "sensación diferente ao resto da liga. Hai moitas ganas e ilusión", pero o técnico Luís López-Tulla advirte de que será un partido "duro" no que haberá, sobre todo, "igualdade".

En todo caso, confía no bo momento no que se atopa o seu equipo, que chega á cita "nunha dinámica positiva" dentro dunha tempada que está a ser do todo irregular.

É por iso que o adestrador quere corrixir os erros que está a cometer o plantel ao longo da liga e preparou o encontro con especial atención á hora de protexer a portería cando o equipo rival ataca con cinco. "Buscamos situacións diferentes con xogadoras noutros roles e dedicamos máis importancia a esa parte. En Roldán quitáronnos os puntos nese momento", lamentou.

HORARIOS

  • Semifinal 1. 18:30 horas. STV Roldán - Poio Pescamar (18:30 horas).
  • Semifinal 2. 21:00 horas. Peixes Rubén Burela - Atlético Navalcanero.
  • Final. Domingo 4 de febreiro ás 20:00 horas.