Os deportistas dos 44 países presentes nos Campionatos do Mundo Multideporte de Tríatlon de Pontevedra empezan a deixarse ver pola Boa Vila mentres contan as horas para que dean comezo as competicións.
Debido a iso e un día antes da inaugración oficial do Mutisport 2025, este xoves estreouse unha das zonas principais de atención para deportistas e afeccionados.
Trátase da Exposición do Multisport instalada nunha carpa en Montero Ríos.
"É un espazo de convivencia para todos os triatletas nun lugar céntrico da cidade", asegurou nunha visita ao recinto o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Por ela deben pasar de feito os máis de 3.500 deportistas inscritos nos Mundiais para rexistrarse e recibir o seu equipamento oficial e mochila dos campionatos.
"Agardo que o pasen moi ben na cidade, disfruten da proba deportiva e que volvan a Pontevedra", afirmou o alcalde.
Na exposición poden atoparse produtos relacionados co evento ou co tríatlon en xeral, pero ademais a carpa funciona como punto informativo e conta con casetas turísticas do Concello, Deputación, Xunta e a Mancomunidade do Salnés.
Ademais están presentes tendas deportivas locais e até unha delegación de Abu Dhabi e Edmonton, sedes respectivamente do Multisport 2026 e da Gran Final das Series Mundiais de 2027.