A falta de acerto de cara a portaría é un dos problemas que está a atopar o Pontevedra Club de Fútbol ao longo das últimas xornadas, un dilema que, por suposto, non pasa desapercibido dentro dun plantel que está "a traballar para tentar mellorar as sensacións de cara a atacar mellor e ter máis ocasións de gol".
A pesar deste inconveniente, "o grupo está tranquilo", recoñeceu o defensor granate Antonio Montoro. "Somos un equipo estable. Nin cando gañamos, nin cando perdemos nin cando empatamos poñemos o foco noutra cousa que non sexa o seguinte partido", explicou.
Di que "todo o mundo está concienciado do que nos está faltando nos últimos partidos, pero estamos tranquilos porque demostramos que hai gol e que non temos que coller ansiedade por ese tema. Os goles van volver a chegar".
O central falou tamén do axustada que está a liga a estas alturas e ten claro que "pode pasar que nun partido perdas e baixes ao posto noveno e gañes un e e te poñas terceiro. Vai haber moitos cambios de posicións nestas últimas xornadas, e creo que o que sexa máis estable e máis regular vaise a levar o gato á auga".
Neste sentido, Motoro non quixo esquecerse de que o principal obxectivo do Pontevedra sempre foi a permanencia, un obxectivo "que temos a tres puntos". Aínda así, afirmou, "gústanos soñar".
O soño de xogar un play-off será, en todo caso, unha tarefa complicada e "vai estar en menos puntos que outros anos. É imposible que todos puntuemos porque vai haber enfrontamentos directos e van ser once partidos a cara de can", explicou.
Sobre o próximo rival, o Arenas de Getxo, o defensor advertiu "de que son fortes na casa" pese ao cambio de campo, pero recoñeceu que o Pontevedra viaxa coa ambición de saber que "para seguir soñando necesitamos os tres puntos".
O xogador tamén subliñou a boa resposta do bloque en defensa, un aspecto que considera determinante. "Para gañar sempre vas estar máis cerca se deixas a portaría a cero, porque mínimo levas un punto. Estamos a conseguir esa solidez que creo que durante todo o ano tivemos".
Por último, Montoro valorou o seu papel no esquema actual. "Son central e xoguei toda a miña vida de central. Xoguei nos dous perfís porque considero que teño criterio co balón, entón éme indiferente. Agora estamos a xogar de tres e o míster decide. Sempre dixen que me ía a adaptar ao que me pedise o corpo técnico e o que necesitase o equipo", recoñeceu, explicando ademais "que unha chea de futbolistas adaptámonos a situacións que se cadra a principio de tempada non pensabamos que se ían a dar, e creo que está a ir ben".