Continúan as baixas no Pontevedra Club de Fútbol tras o anuncio da fichaxe de Joao Resende polo SC Farense e a despedida de Alain Ribeiro a través das súas redes sociais.
Neste caso trátase do defensa Antonio Montoro. O madrileño despediuse do club e da súa afección este venres nun comunicado compartido a través das súas redes sociais da mesma maneira que fixo Alain hai apenas uns días.
O ex do Hércules asentouse na zaga lerezana desde o primeiro partido da tempada e foi, sen dúbida, unha das pezas chave no esquema de Rubén Domínguez.
De feito, Montoro é o xogador do plantel que máis minutos disputou no pasado curso cun total de 3.212, seguido moi de cerca por Yelko Pino e Vidorreta. Este dato fala da importancia do central madrileño nun Pontevedra CF que terá a difícil misión de atopar un substituto de garantías para a próxima tempada.
Na súa despedida, o xa ex xogador granate dirixiuse á afección para explicar que "loitamos todos xuntos para tentar conseguir ese soño co que todos nos ilusionamos durante o ano, pero ao final non puido ser".
Grazas por absolutamente todo
— Antonio Montoro (PontevedraCFSAD pic.twitter.com/2DXF7k98xLantoniomontoro_) June 26, 2026
"Agora toca pechar unha etapa super bonita, na que a miña pequeniña, a miña parella e eu ímonos co corazón cheo polo voso agarimo e o voso trato, e coa conciencia moi tranquila de que en cada momento, cada día, cada adestramento e cada partido tentei axudar e dar o mellor de min", expresou.
Continua a súa despedida con palabras de agradecemento ao corpo técnico e aos seus compañeiros e termina afirmando que "Pontevedra xa forma parte da nosa familia. Ímonos, pero sempre levaremos un pedacito desta cidade e desta afección connosco".
A saída de Montoro supón a segunda baixa oficial sen contar aos xogadores a préstamo entre os que se atopa Joao Resende, cuxo futuro foi aclarado hai uns días.
Todo segue igual até a data en canto a número de xogadores en plantel: Marqueta, Expósito, Vidorreta, Yelko e Compa son os cinco xogadores con contrato en vigor co Pontevedra Club de Fútbol para a próxima tempada.