Montse Tomé, sobre o España-Italia en Pasarón: "Afrontamos o partido coma se fose practicamente o último"

Pontevedra
21 de novembro 2023

A seleccionadora nacional absoluta ofreceu este martes unha rolda de prensa tras desvelar a lista de convocadas de España para afrontar o encontro do 1 de decembro en Pasarón fronte a Italia e do día 5 contra Suecia en Málaga

Montse Tomé, seleccionadora española absoluta RFEF

Pontevedra desconta os días do calendario para gozar das campioas do mundo, co partido internacional de España contra Italia que se xogará o vindeiro venres 1 de decembro no Estadio Municipal de Pasarón.

Mentres non chega o gran día, a Selección Española desvelou este martes a súa convocatoria para a cita, así como para a do día 5 de dicembre contra Suecia en Málaga, comparecendo despois ante os medios de comunicación a seleccionadora nacional, Montse Tomé.

"Temos moitas ganas de que chegue o luns, traballamos todo este mes para ver de que maneira podemos tratar estes dous partidos", sinalou a adestradora ante unha concentración que arrincará o vindeiro luns 27 en Las Rozas.

O primeiro dos encontros oficiais previstos, correspondentes á quinta e sexta xornada da UEFA Women's Nations League, será o de Pasarón fronte a Italia, un duelo que "afrontamos coma se practicamente fose o último", recoñeceu Tomé.

Non é para menos, e é que "sabemos que se conseguimos gañar a Italia imos estar na semifinal, que á súa vez pode dar pase á final que nos de o obxectivo de estar nos Xogos Olímpicos", afirma a máxima responsable do equipo nacional.

Para a cita en Pontevedra Montse Tomé chamou a 25 futbolistas, entre elas Alexia Putellas e Irene Paredes a pesar de atravesar problemas físicos. "Supoño que vos chamará a atención porque só poden entrar en 23 en convocatoria", explicou a adestradora confirmando que ao comezo da concentración deberán realizarse descartes e sempre coa premisa de "protexer á futbolista" e non correr riscos innecesarios.

En canto á Nations League "valoramos esta concentración e estes partidos coa máxima ambición, vimos de xogar catro partidos desta competición que é nova tamén, bonita, especial, na que temos posta moitísima enerxía", defendeu Tomé.

A seleccionadora española analizou ademais o momento actual que vive o equipo e tamén o actual corpo técnico superado o complicado inicio vivido na súa chegada ao cargo. "Se facemos unha valoración desde o inicio de como empezou e como estamos agora é positivo, valoralo para notrosos é ter máis tranquilidade e un contexto idóneo para traballar", concluíu na súa comparecencia ante os medios de comunicación.