Noia e O Parrulo completan un cartel 'de Primeira' para as finais de Copa Galicia en Pontevedra

Pontevedra
19 de marzo 2026
Actualizado: 17:28

O Pavillón Municipal dos Deportes acollerá as finais masculina e feminina da Copa Galicia de Fútbol sala o vindeiro xoves 2 de abril, en plena Semana Santa

Semifinal da Copa Galicia entre Vilalba e Noia Noia Portus Apostoli

O cartel das finais da Copa Galicia de Fútbol sala que se disputarán en Pontevedra está ao fin completo.

Se na competición feminina xa se coñecían aos dous finalistas, co Poio Pescamar aspirando ao seu quinto título autonómico co FSF Castro tamén da máxima categoría como rival, agora completouse a nómina dos participantes cos candidatos masculinos.

Serán os dous equipos galegos que militan en Primeira, o Noia Portus Apostoli e O Parrulo Ferrol.

Ambos os dous cumpriron os prognósticos nas semifinais disputadas este mércores 18, co Noia superando o Vilalba (2-6) e u Parrulo facendo o propio na cancha do Lugo Sala (2-9).

Desta forma o cartel das finais da Copa Galicia que se disputarán no Pavillón Municipal confírmase de auténtico luxo, con pleno de equipos da máxima categoría.

Os dous finais disputaranse o Xoves Santo, o día 2 de abril, nun horario aínda pendente de confirmación debido á televisión.

Agárdase ademais que nos próximos días a Real Federación Galega de Fútbol confirme o prezo das entradas e habilite a súa venda.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora