Novas ilusións e obxectivos solidarios para o equipo Ponte1Reto

Pontevedra
10 de marzo 2018

O equipo ciclista aumenta a súa nómina de deportistas para repartirse ao longo do ano por diferentes probas nacionais e internacionais. Márcanse de novo como obxectivo conseguir unha bicicleta adaptada para doala a Amencer-Aspace

Presentación do equipo Ponte1Reto 2018 no Hotel Campaniola
Presentación do equipo Ponte1Reto 2018 no Hotel Campaniola / Ponte1Reto

A tempada 2018 comeza con ilusións renovadas no equipo Ponte1Reto e tamén con novos obxectivos solidarios.

A formación pontevedresa volve aliarse con Amencer- Aspace, e cumprida a meta do pasado ano de conseguir unha bicicleta adaptada para esta asociación tentarán repetir recadando fondos para conseguir adquirir unha nova máquina.

Seguen na formación Fran Valiñas, Josevi Cimadevila, Víctor Pampín, Manuel Caramés Morgade 'Fallolli', Pablo Fernández, Paco Magdalena, Juan Hernández Moldes e Ramón Mella, mentres que se suman ao proxecto Diego Oliveira, Xosé Hervés, Francisco Martínez Teixeira e Ángel Graña.

Entre todos eles participarán ao longo do ano en diferentes probas nacionais e internacionais de gran prestixio e esixencia como a Titan Desert, a TransAlp ou a Portugal MTB Tour, ademais de carreiras locais como a Epic Race.

Como novidade, os integrantes de Ponte1Reto propuxéronse tamén realizar en setembro unha Volta Ciclista a Galicia, pasando polas principais cidades e pobos completando 800 quilómetros, a razón de 200 por día.