Novos obxectivos e ilusións para a iniciativa solidaria Ponte 1 Reto

Pontevedra
13 de decembro 2016

Por segundo ano consecutivo, un grupo de pontevedreses afrontará algunhas das probas ciclistas máis duras do planeta nunha mestura de superación persoal e iniciativa solidaria, xa que márcanse como meta recadar os fondos necesarios para adquirir unha bicicleta adaptada para a asociación Amencer-Aspace

Presentación dos novos desafíos de Ponte 1 Reto PontevedraViva

Por segundo ano consecutivo un pequeno grupo de pontevedreses, nove nesta ocasión, afrontará algunhas das probas ciclistas máis duras do planeta nunha mestura de superación persoal e iniciativa solidaria.

O equipo Ponte 1 Reto márcase novos obxectivos e novos desafíos, coa intención esta vez de colaborar con Amencer Aspace na adquisición dunha nova bicicleta adaptada coa que ampliar a actividade que realiza todos os luns con Pedaladas destinada a persoas con discapacidade.

"Temos novos retos, nova causa solidaria e novos colaboradores", sinalou un dos intengrantes do equipo, Pablo Fernández, que pasan no deportivo por "atravesar o deserto, atravesar a Península e atravesar os montes, os Pireneos", completou Josevi Cimadevila.

Eses retos serán repetir presenza na Titan Desert, unha carreira "catalogada como unha das dez probas máis duras do mundo". Trátase dunha carreira de BTT de seis etapas na que se mestura a resistencia, as altas temperaturas e a navegación no medio do deserto e que empezará o día 1 de maio.

Tras esta cita, no mes de xuño será quenda da Barcelona-San Sebastián, proba de BTT por remudas enmarcada dentro do circuíto Non Stop no que tamén repite a Madrid-Lisboa. Na primeira os participantes deben percorrer sen parar 709 quilómetros, mentres na segunda a distancia é de 770 quilómetros.

Ademais esta vez Ponte 1 Reto inscribirase noutra das probas máis duras do mundo do ciclismo, a Transpyr, proba por etapas que atravesa a cordilleira pirenaica e que se celebrará do 11 ao 17 de xuño de 2017.