O Arosa SC puxo punto e final á tempada ligueira cun discreto noveno posto na clasificación tras empatar na Lomba ante o Racing Villalbés, nun choque sen nada en xogo para ningún dos contendentes.
O partido non tivo moita historia. No primeiro tempo os visitantes adiantábanse aos 7 minutos cun gol de penalti moi protestado polos xogadores locais, que chegaron a ver ata 3 amarelas. O encargado de transformar a pena máxima foi Pablo Viveiro.
O estado do terreo de xogo non axudaba a ningún dos dous equipos e provocaba moito xogo por banda. A xogada máis clara foi de Cabanyes, que nun acto de xenerosidade cara a Sylla, non logra dar un bo pase para que o senegalés marcase o empate.
Con todo, desquitaríase Sylla ao final do primeiro tempo ao aproveitar un gran pase de Eloy Fariña para marcar o definitivo empate a un.
No segundo tempo o Arosa entrou mellor que o seu rival e tivo o dominio. Adrián Camiño estrelou un balón no traveseiro, na xogada máis destacada, pero o marcador non se movería, a pesar de que os de Piscis xogaron o último cuarto de hora en inferioridade, ao ver o segundo cartón Diego Castro.
Consulta aquí o acta do partido.