Tras o anuncio da contratación de Jorge Otero como novo adestrador, os primeiros movementos na confección do equipo para a próxima tempada non se fixeron esperar no Arosa, e así, comezando pola portería e zona defensiva, o equipo arlequinado anunciou que non contará con Jorge Pérez e Lucas Gallego.
O presidente, Manuel Abalo, foi o encargado de comunicar a decisión da comisión deportiva aos dous xogadores, aos que quixo agradecer sinceramente a súa total implicación co equipo.
Desta maneira, o Arosa prescinde dos dous porteiros que concluían a tempada 2015-2016 no equipo. Dúas persoas con moito arraigamento no club xa que Jorge Pérez foi o gardameta que en máis ocasións defendeu a portería arlequinada e Lucas Gallego procede da canteira, por iso o presidente insistiu en mostrarlles publicamente o seu agradecemento.
Ademais, a defensa arlequinada tampouco contará na tempada que vén co central Alfonso, que comunicou ao presidente a súa decisión de abandonar temporalmente o fútbol para envorcarse nunha empresa de asesoría que recentemente abriu en Padrón. O presidente destacou o comportamento impecable do xogador, que enseguida contactou co club para transmitir a súa decisión e, como aos dous gardametas, agradeceulle o seu compromiso co equipo durante o tempo que formou parte do persoal.
Pero se as baixas protagonizan os primeiros movementos, tamén houbo tempo para unha renovación, a do tamén central Aitor Díaz, primeira renovación comunicada pola comisión deportiva que encabeza Eduardo Carregal.