O Arosa remonta gañando sobre a bucina ao Villalonga, polémica derrota do Ribadumia e cae o Céltiga

O Salnés
21 de xaneiro 2018

Aproveitouse o Arosa do mal momento dun Villalonga que segue afundíndose. Os de Jorge Otero levaron o partido tras remontar o gol inicial do conxunto de San Pedro case sobre a bucina, o que lles segue dando lixeiras esperanzas de poder achegarse á zona nobre. Mentres, o Ribadumia queixouse amargamente da arbitraxe de Zulema Martínez, que lle fixo xogar en inferioridade desde o minuto 15 e o Céltiga caía no Carballiño ante o Arenteiro

Partido entre Ribadumia e Cultural Areas na Senra Cristina Serantes

Aproveitouse o Arosa do mal momento dun Villalonga que segue afundíndose. Os de Jorge Otero levaron o partido tras remontar o gol inicial do conxunto de San Pedro case sobre a bucina, o que lles segue dando lixeiras esperanzas de poder achegarse á zona nobre. Mentres, o Ribadumia queixouse amargamente da arbitraxe de Zulema Martínez, que lle fixo xogar en inferioridade desde o minuto 15 e o Céltiga caía no Carballiño ante o Arenteiro.

O derbi comezou con dominio arosista, pero esa situación apenas durou os 15 primeiros minutos. Despois o xogo e as ocasións foron alternas, chegando ao descanso sen goles.

Na segunda parte o Arosa dispuxo de máis ocasións, pero sería o Villalonga quen se adiantaría aos 80 minutos, por medio de Diego Rocha.

Parecía que os locais ían romper a súa longa seria de partidos sen gañar, pero o Arosa reaccionou na recta final e Javi Pazos conseguía o empate aos 82 minutos e cando o tempo xa estaba cumprido Manu Justo daba a vitoria ao conxunto arlequinado.

Consulta o acta do partido Villalonga-Arosa nesta ligazón.

Polémica e enfado en Ribadumia coa arbitraxe de Zulema González. A colexiada ourensá deixou aos locais en inferioridade aos 14 minutos, expulsando con vermella directa a Miguel Vázquez, o que aproveitou a Cultural Areas para adiantarse con tres goles, pero na segunda parte os locais reaccionaron e rozaron unha remontada heroica, frustrada por dous máximos castigos que pareceron claros e a afección aurinegra pediu pero que a colexiada decidiu non sancionar.

Os visitantes adiantáronse cunha falta que transformou Canhoto. En pleno desconcerto local, un minuto máis tarde Mintegui facía o segundo e tras o descanso Jorge Fernández subía o 0-3 ao marcador.

Pero aí chegou a reacción do Ribadumia, que reducía distancias por medio de Santi Padín e Cristian.

Con once minutos máis o desconto por diante, o milagre parecía posible, pero as decisións da colexiada ourensá impediron a remontada.

Consulta o acta do partido Ribadumia-Cultural Areas nesta ligazón.

Levaba o Arenteiro nada menos que seis derrotas consecutivas, pero o Céltiga non puido aproveitarse do delicado momento do equipo ourensán e caeu derrotado no Espiñedo.

Carlos adiantaba aos locais aos 39 minutos, resultado co que se chegaba ao descanso.

Na segunda parte Adrián Camiño conseguía a igualada nada máis renovarse o xogo, pero Ígor Sevivas marcaba o gol do triunfo local aos 65 minutos.

Consulta o acta do partido Arenteiro-Céltiga nesta ligazón.