O Arxil comeza a súa reconstrución despedíndose de Gala Mestres

Pontevedra
04 de xuño 2019

O club pontevedrés fixouse como prioridade tratar de lograr a continuidade da catalá, unha das súas xogadoras máis determinantes da tempada, pero non foi posible ante a oportunidade que se lle presenta de dar o salto á máxima categoría

Despedida de Gala Mestres como xogadora do Arxil
Despedida de Gala Mestres como xogadora do Arxil / Mónica Patxot

Gala Mestres non continuará no Club Baloncesto Arxil a próxima tempada.

A xogadora catalá converteuse no seu primeiro ano en Pontevedra nunha das máis decisivas do plantel, por iso é polo que o club plantexou como obxectivo prioritario lograr a súa continuidade.

Non puido ser así, explicaron a propia Mestres e a adestradora Mayte Méndez nun acto de despedida celebrado no Restaurante Cambalache, pola oportunidade que se lle presenta de dar o salto á máxima categoría nacional, a Liga Feminina, nun equipo que non quixo desvelar polo momento.

"Me sentí muy a gusto en este club así que espero que las puertas del Arxil siempre estén abiertas para mí. Ahora estoy buscando nuevos retos y nuevas experiencias para seguir creciendo como jugadora", sinalou a xogadora a través dunha carta. 

No seu único curso coa camiseta verde, Gala Mestres alcanzou de media 14,7 puntos e 6,9 rebotes por partido, uns números sobresalientes que unidos á súa mocidade e polivalencia abríronlle as portas da elite.

Ademais de Gala Mestres, o Arxil tampouco renovará ás dúas xogadoras foráneas que concluíron a tempada, Chantelle Pressley e Cassandra Oursler, polo que peitea o mercado en busca de reforzos mentres empeza a planificar as renovacións do resto do plantel.