Continuidade no corpo técnico do Arxil para a nova tempada en LF2

Pontevedra
19 de xuño 2019

Mayte Méndez, que estivo presente en todas as tempadas da Liga Feminina 2 desde a fundación da categoría (2001/2002), seguirá un ano máis dirixindo ao equipo pontevedrés

Mayte Méndez, nun partido de Copa Galicia entre Arxil e Cortegada
Mayte Méndez, nun partido de Copa Galicia entre Arxil e Cortegada / Mónica Patxot

É toda unha institución na Liga Feminina 2, e seguirá ampliado o seu currículo na categoría. Mayte Méndez continuará un ano máis dirixindo ao primeiro equipo do Club Baloncesto Arxil.

A adestradora pontevedresa estivo presente en todas e cada unha das tempadas da segunda categoría nacional desde a súa creación (2001/2002) "e aínda ten corda para longo", sinalan desde o club verde.

A continuidade será total no corpo técnico arxilista, xa que xunto a Méndez continuarán Milagros Sanmartín, Ana Martín e Marita Janeiro como adestradoras axudantes, Magín Méndez como preparador físico, David Rocha como fisioterapeuta, Carlos Díaz como delegado e José Paz como médico.

Mayte Méndez atópase xa inmersa na planificación do plantel co que o Arxil competirá a próxima tempada, empezando polas renovacións de boa parte das xogadoras.

Ademais desde o club sinalan que está pechado o acordo cunha pívot que "pode ser referente na liga", mentres que continúan as negociacións cunha aleiro e outra xogadora que poida ocupar varias posicións.

Pola súa banda no apartado económico a directiva do Arxil traballa na tramitación do aval necesario para poder inscribir ao equipo na Liga Feminina 2 así como o pagamento da propia inscrición, cun prazo que conclúe o día 5 de xullo.