O Club Baloncesto Arxil deu o necesario paso de cada verán para confirmar a súa inscrición na Liga Feminina 2 de baloncesto.
A entidade pontevedresa fixo números e decidiu formalizar a súa inscrición un ano máis na segunda categoría nacional pagando a cota establecida e asinando o aval demandado pola Federación Española de Baloncesto.
A pesar de tratarse dun trámite que superou nos últimos anos, desde o Arxil aseguran que se trata dunha decisión "sempre moi pensada e con moitas dúbidas" polas esixencias económicas que supón e o axustado do seu orzamento.
Por ese motivo "pedimos máis que nunca a vosa colaboración xa que pronto lanzaremos a nosa campaña de socios", sinalaron desde o club verde.
No plano deportivo, tras a renovación de todo o corpo técnico, o primeiro plantel conta a estas alturas con dúas xogadoras confirmadas, a fichada Linnea Rosendal e a renovada María Lago.